Saturday 04 de May de 2024

Nava Castro reuniuse co embaixador de España en Colombia no marco das accións promocionais do destino Galicia no país


A directora de Turismo de Galicia reuniuse co embaixador de España en Colombia, Ramón Gandarías, o cal ocupa o seu cargo dende xaneiro do ano pasado

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo un encontro co embaixador de España en Colombia, Ramón Gandarías. A dita reunión enmárcase no conxunto de accións promocionais que estes días desenvolve Turismo de Galicia en Colombia.

Durante o encontro que mantiveron, Nava Castro e Ramón Gandarías apostaron por fortalecer as relacións bilaterais entre Galicia e Colombia, e por estreitar a colaboración entre ambos os dous territorios en materia turística.

O embaixador de España en Colombia resaltou o grande interese que esperta entre os colombianos tanto España en xeral como Galicia en concreto, así como o Camiño de Santiago.

Neste senso, a responsable de Turismo da Xunta destacou que Colombia é o sexto país do continente americano de onde viñeron máis peregrinos o pasado ano. Segundo explicoulle ao embaixador, concretamente foron 693 os peregrinos colombianos que recolleron a Compostela no 2014, o que supuxo un incremento de preto do 2% en relación ao ano anterior.

Así mesmo, Nava Castro comprometeuse a levar a Colombia a exposición itinerante sobre a Ruta Xacobea, así como outras accións de promoción.

Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia participou no día de hoxe no Encontro Iberoamericano sobre desenvolvemento sostible e turismo que se desenvolverá ata o próximo venres 17 de abril no Centro de Formación da Cooperación Española en Cartaxena de Indias.

O encontro, organizado pola AECID e a Fundación ACS e coa colaboración Real Patronato sobre Discapacidade, pretende poñer en releve a importancia de establecer e debater entre todas as institucións vinculadas directa ou indirectamente co sector as oportunidades que ofrecen os destino turísticos para o desenvolvemento de ámbitos urbanos, a protección do medio ambiente, a xeración de actividade económica, o fomento da diversidade cultural, o desenvolvemento dunha cultura de paz e, en definitiva, de mellorar a calidade de vida da poboación.

Deste xeito, ten como obxectivo fomentar as oportunidades do turismo como motor de desenvolvemento sostible e inclusivo, así como, debater sobre a contribución do turismo aos retos sociais, ambientais e económicos en América Latina, fortalecer as políticas públicas municipais para un desenvolvemento urbano inclusivo e sostible, intercambiar experiencias vinculadas á xestión sostible dos recursos culturais e naturais como produto turístico, e mostrar as posibilidades das alianzas público-privadas para o desenvolvemento.

Durante os tres días da súa celebración, o encontro reunirá na cidade colombiana a responsables públicos de turismo a nivel tanto internacional como nacional; técnicos e xestores municipais responsables da xestión urbana e da responsabilidade no deseño urbano, ordenación territorial e políticas públicas relacionadas co turismo; responsables das políticas municipais de desenvolvemento económico sostible e de protección do medio ambiente; e técnicos e xestores das áreas históricas e entornas naturais.